Saturday 11 de May de 2024

Preto de 300 persoas arroupan a Teresa Villaverde na presentación da candidatura do Partido Popular no Concello de Lousame


• Teresa Villaverde destaca que “o benestar da xente de Lousame foi o eixo desta lexislatura e o seguirá sendo nos próximos catro anos”

• Ánxeles Vázquez comprometeu o seu apoio para a posta en marcha de solo industrial no municipio e para que Lousame participe como concello costeiro na Lei de Ordenación do Litoral para velar polos dereitos das mariscadoras e mariscadores

Preto de trescentas persoas asistiron na noite do sábado ao acto de presentación da candidatura do Partido Popular de Lousame ás eleccións municipais de 2023, encabezada pola actual alcaldesa Teresa Villaverde Pais. O restaurante Trapeiro quedou pequeno para acoller esta presentación, pois houbo quen tivo que seguir o acto de pé e, nalgúns casos, dende fóra do recinto.

Teresa Villaverde estivo acompañada pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez; así como polo alcalde de Noia, Santiago Freire, e concelleiros do Partido Popular da comarca. Na súa intervención, asegurou que “o benestar da xente de Lousame foi o eixo desta lexislatura e o seguirá sendo nos próximos catro anos”. Neste sentido, lembrou os momentos máis duros da pandemia nos que “se creou un grupo de voluntarios que foron porta a porta un día a semana para acompañar a persoas que vivían soas, ás que se fixo tamén un seguimento telefónico”.

Villaverde Pais fixo unha valoración positiva desta lexislatura, “catro anos nos que estivemos centrados nas persoas e, sobre todo, na atención aos nosos maiores e ás familias, duplicando as horas de Servizo de Axuda no Fogar e á Dependencia, e fomentando a conciliación da vida familiar e laboral. Pero non hai que esquecerse de todo o que fixemos en materia de infraestruturas, mellorando as principais estradas que conectan as nosas parroquias e acondicionando os interiores das aldeas, pero tamén en materia de medio ambiente e aforro enerxético”.

Así, Teresa Villaverde fixo un pequeno repaso polas melloras acometidas nestes catro anos no colexio, a renovación do polideportivo Pilar Barreiro e a piscina municipal, o arranxo das estradas tipo 3, a posta en valor do Monte de San Lourenzo ou a propia construción do miradoiro da muralla. “Pregúntanme se estou totalmente satisfeita do que fixemos e eu respondo que non, porque se o estivera non estaría hoxe presentándome. Hai moitas cousas por facer, pero tamén hai un gran traballo detrás deste catro anos”, sinalou a candidata popular.

Solo empresarial para Lousame

Pola súa banda, Ánxeles Vázquez destacou a capacidade de traballo e o cariño que Teresa Villaverde ten por Lousame e polos seus veciños e veciñas. Así, adquiriu publicamente tres compromisos con ela:

– Facilitar que Lousame poida contar con solo industrial
– Asegurar a presenza de Lousame, como un concello costeiro máis na Lei de Ordenación do Litoral para velar polos dereitos das mariscadoras e dos mariscadores
– Que se a mina de San Finx non cumpre con todos os requisitos, non recibirá autorización do seu departamento.

Neste punto, Ánxeles Vázquez fixo fincapé en que “non fagades caso dos contos e dos chismes daqueles grupos que queren embarrar a campaña porque non poden criticar o que se ten feito en Lousame nestes catro anos de goberno de Teresa Villaverde”.

Candidatura

Silvia Agrafojo Filgueira, que se mantén como candidata número tres da lista, foi a encargada de presentar aos seus compañeiros e compañeiras de candidatura. Un grupo heteroxéneo formado por “xente honrada e traballadora, de distintas franxas de idade e con distintas profesións aos que une un único interese: traballar por Lousame”. Unha lista na que destacan as incorporacións do avogado Esteban Ares García, como número 2; e as de Mariel Agrafojo Nieto e Tomás Pedrosa Brenlla, números 5 e 7, respectivamente.

Ademais, todos os concelleiros e concelleiras populares da actual corporación están de titulares na candidatura, se ben non todos eles en lista de saída. No seu nome falou Esteban Ares, quen animou aos presentes a “sentirse orgullosos deste concello” e puxo en valor o traballo de Teresa Villaverde ao longo dos últimos catro anos: “cando alguén ten moita experiencia e moita habilidade, é un activo que suma, pero a xente que é boa persoa, ese activo multiplica”.